Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés para nenos e nenas


Será impartido por Ebru Karaca e Dilara Güven, voluntarias turcas chegadas a Lousame a través do proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”

O Concello de Lousame convoca un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre que será impartido totalmente en inglés por Ebru Karaca e Dilara Güven, as dúas voluntarias turcas chegadas a través do proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”. Unha iniciativa que foi presentada esta mañá pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; o técnico de Voluntariado de Lousame, Xosé Manuel Outeiral; e as propias Ebru Karaca e Dilara Güven.

“Animamos aos nenos e nenas de Lousame a que se apunten porque é unha forma de entreterse, aprender e lembrar o inglés aprendido no colexio. Para iso participarán en actividades como pintura, karaoke, música, xogos, ines, teatro, creatividade…”, explica Silvia Agrafojo. Unha iniciativa deseñada por ambas voluntarias que se mostraron “moi felices de traballar co Concello de Lousame. Esperamos que estas actividades teñan éxito”, sinalou Ebru Karaca. “Queremos que os nenos e nenas desfruten coas actividades que temos programadas”, engadiu Dilara Güven.

As sesións terán lugar no exterior do local social do Sanguiñal (Tállara) durante o mes de agosto en horario de 10:30 a 13:30 horas (se chovese, ocuparíase o propio local). Haberá tres quendas: nenos/as de 5 a 6 anos (3, 4, 5 e 6 de agosto), nenos/as de 7 a 9 anos (17, 18, 19 e 20 de agosto) e nenos/as de máis de 10 anos (24, 25, 26 e 27 de agosto). As inscricións poden formalizarse do 9 ao 23 de xullo en www.bandoticket.com. Haberá 15 prazas dispoñibles por quenda, que serán adxudicadas por orde de inscrición.

Finalmente, Xosé Manuel Outeiral destacou que “é unha iniciativa novidosa, deseñada totalmente por Ebru e Dilara e que está incluída dentro das Actividades interxeracionais do voluntariado”.